Saturday 20 de April de 2024

Touro pon en marcha un Plan Municipal de Obras ao que destina un millón de euros con cargo ao remanente de tesourería


O Concello de Touro pon en marcha un Plan Municipal de Obras propio ao que destina un total de 1.049.000 euros con cargo ao remanente líquido de tesourería. Este investimento, feito en base ao asesoramento dos técnicos municipais e previo ao estudo das necesidades, precisou dunha modificación do Orzamento Municipal para o 2022, que xa foi aprobada polo Pleno do Concello.

Os proxectos que se executarán serán a mellora do viario da Pena á Igrexa de Prevediños, que ten unha asignación presupostaria de 187.500 euros; a pavimentación de interior en Mourelos; con unha consignación de 191.200 euros; a pavimentación de viario de Mourelos de Arriba a Mourelos de Abaixo e outros, cun presuposto de 196.000 euros; a pavimentación de viario de Pena a Mourelos e outros; cunha asignación de 181.400 euros; a pavimentación de viario de Beseño de Abaixo a O Forte e outros, con 143.500 euros; e a obra de mellora de pista de Circes á Xunquera, cunha partida de 149.500 euros.

O 1.049.000 euros destinado ao novo Plan Municipal de Obras, que se executará durante o ano 2022, incorpórase ao capítulo 6 (investimentos reais) do Orzamento Municipal para este ano, que antes da modificación contaba cunha asignación de 785.788 euros.

O alcalde de Touro, Ignacio Codesido, mostra a súa satisfacción pola aprobación do investimento do novo Plan Municial de Obras. “Son proxectos que serven para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Touro”, apuntou.